Alba Forno denuncia que 357 menores agardan por unha praza nos cursiños de natación da piscina municipal

Alba Forno denuncia que 357 menores agardan por unha praza nos cursiños de natación da piscina municipal

A voceira socialista destaca que “os datos reflicten unha elevada demanda que o Concello non é quen de absorber” e pon de manifestó a necesidade dunha mellor planificación.

Os socialistas lembran que en 2018, co PSOE no goberno, conseguiuse eliminar completamente a lista de agarda.

Lalín, a 6 de agosto de 2026. O PSdeG-PSOE de Lalín denuncia a preocupante situación dos cursiños de natación da piscina municipal, despois de acceder, tras varios meses de espera, á documentación solicitada sobre as listas de agarda. A información, á que o PSOE só puido ter acceso hai unha semana pese a levala reclamando desde hai meses, confirma que centos de familias seguen sen poder acceder a un servizo municipal cunha elevada demanda social.

“Os datos son contundentes”, afirma a voceira socialista, Alba Forno. Na actualidade hai 357 menores agardando por unha praza nos diferentes cursos de natación. A lista de espera está formada por 72 bebés, dos que 58 son de Lalín; 89 nenos e nenas de 3 e 4 anos, con 56 solicitudes do municipio; e 196 menores maiores de cinco anos, entre os que 117 pertencen a Lalín. O resto das solicitudes proceden de concellos da contorna como Silleda, Agolada, Vila de Cruces, Dozón, Rodeiro, Monterroso, Melide, Piñor, O Irixo, O Carballiño, Antas de Ulla ou Forcarei.

Para Alba Forno “estas cifras evidencian que o problema non é puntual, senón estrutural. Hai 357 menores esperando por unha praza, dos que 231 son de Lalín. Estamos falando de familias que queren acceder a un servizo municipal e ás que o Concello non lles está dando resposta”. Forno lamenta tamén a falta de transparencia do goberno municipal á hora de facilitar a información. “Non é de recibo que un grupo da oposición teña que esperar meses para coñecer uns datos que deberían ser públicos e que afectan directamente a centos de familias. A realidade é que, cando por fin puidemos velos, comprobamos que a situación é moito peor do que imaxinabamos”.

A concelleira socialista lembra que esta situación contrasta coa vivida durante o mandato no que o PSOE formou parte do goberno municipal. “No ano 2018 conseguimos eliminar a lista de agarda dos cursiños de natación. Iso demostra que non estamos ante un problema inevitable, senón ante unha falta de planificación e de capacidade de adaptación da oferta á demanda existente”.

Os socialistas subliñan ademais que a elevada demanda destes cursos non é unha realidade nova. Os propios datos históricos do Lalín Arena amosan que xa a finais de 2017 había 611 persoas inscritas nos cursiños de natación, das que 379 eran nenos e nenas, ademais de 24 bebés, mentres que o conxunto das actividades acuáticas reunía 835 usuarios.

A isto engade que no pasado pleno levaron unha proposta que foi rexeitada polo gobernó de Crespo, con argumentos “baleiros de contido” e “sen sentido”, xa que estas cifras evidencian a necesidade de recuperar a normalidade nunhas instalacións necesarias “e demandadas pola veciñanza”. Recalca que o deporte que se pode facer aí, non se pode levar a cabo noutro sitio, polo que deberían mellorar a xestión destas instalacións. 

Precisamente porque a demanda leva anos sendo alta, sorprende que o Concello non fose capaz de evolucionar a oferta ao mesmo ritmo. “Se en 2018 foi posible acabar coa lista de agarda, hoxe non hai ningunha razón para asumir como normal que 357 menores queden sen praza”, conclúe Alba Forno.