A concelleira socialista advirte de que o paseo acumula meses de deterioro, con pontes rotas, zonas pechadas e elementos de descanso deteriorados que poden supoñer un risco para as persoas usuarias
Os socialistas esixen ao Executivo local que acometa de inmediato as reparacións necesarias e advirten de que a chegada do inverno pode agravar aínda máis o estado dun dos espazos máis utilizados e representativos de Lalín
Lalín, a 26 de agosto de 2026. A voceira do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, denuncia o estado de abandono que presenta o Paseo do Pontiñas e reclama ao Goberno municipal unha actuación inmediata para reparar os numerosos elementos deteriorados ao longo deste percorrido. Os socialistas sinalan que a situación se prolonga desde hai meses e que, lonxe de solucionarse, o deterioro continúa avanzando, afectando tanto á imaxe deste espazo como, nalgúns puntos, á propia seguridade das persoas que o utilizan.
O Paseo do Pontiñas presenta actualmente pontes rotas e deterioradas, tramos e elementos que permanecen pechados e zonas de descanso cuxo estado de conservación resulta especialmente preocupante, chegando nalgúns casos a presentar elementos a piques de caer. Para Forno non se trata xa dunha cuestión meramente estética ou de mantemento ordinario, senón dunha situación que require unha intervención por parte do Concello para evitar que o deterioro poida derivar en problemas maiores.
“O estado no que se atopa o Paseo do Pontiñas é absolutamente intolerable. Estamos falando dun espazo polo que pasan diariamente moitas persoas e no que hai elementos deteriorados que poden chegar a representar un perigo”, afirma Alba Forno. A voceira socialista considera especialmente preocupante que “esta situación leve meses sen que o Goberno municipal dea unha solución, a pesar de que os danos son perfectamente visibles para calquera persoa que percorra o paseo”.
Dende o PSdeG-PSOE preguntan cando ten previsto o Executivo local actuar e acometer as reparacións que precisa o paseo, ao tempo que reclaman que se revise de maneira integral o estado dos distintos elementos que forman parte deste percorrido. “Non abonda con pechar aquilo que está roto. O que hai que facer é reparar e poñer en condicións todo o que estea deteriorado para que o Paseo do Pontiñas poida ser utilizado con normalidade e seguridade”, sinala Forno.
A voceira socialista advirte, ademais, de que a chegada do outono e do inverno pode empeorar unha situación que xa é preocupante, debido á chuvia e ás condicións meteorolóxicas propias desta época do ano. “Se o paseo xa presenta este nivel de deterioro despois de meses sen unha actuación adecuada, o inverno pode facer que o problema vaia a máis. Non ten sentido esperar a que os danos sexan maiores ou a que se produza algún incidente para actuar”, subliña.
O PSdeG-PSOE considera que o Paseo do Pontiñas é un dos principais espazos de lecer, paseo e actividade ao aire libre de Lalín, ademais dun lugar especialmente frecuentado tanto pola veciñanza como por persoas que visitan o municipio. Por este motivo, os socialistas reclaman ao Goberno municipal que deixe de adiar as actuacións necesarias e acometa canto antes os traballos de reparación e mantemento precisos.
“Levamos xa tempo recibindo queixas do seu estado e Lalín non pode permitirse ter un dos seus espazos máis coñecidos e utilizados neste estado. O Paseo do Pontiñas ten que estar coidado, ser seguro e presentar a imaxe que merece o noso municipio”, conclúe Alba Forno.

