Alba Forno puxo de manifesto a traxectoria de ambos como exemplo para continuar avanzando no proxecto socialista de Lalín: “Foron dous referentes para nós, os socialistas de Lalín, e seguirei adiante co seu legado”
A XXIII Xuntanza Manuel Ferreiro recoñeceu tamén a Jesús Odilo Trabazo, pola súa traxectoria socialista e o seu compromiso con Lalín, e a Gerardo, sobriño de Laxeiro
Lalín, a 5 de setembro de 2026. A voceira do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, reivindicou este sábado o legado de Manuel Ferreiro e Manuel González Aller como referentes do socialismo lalinense e asegurou que continuará o traballo iniciado por ambos. “Foron dous referentes para nós, os socialistas de Lalín, e traballarei por seguir adiante co seu legado”, afirmou durante a XXIII Xuntanza Manuel Ferreiro.
O PSdeG-PSOE de Lalín celebrou este sábado esta xuntanza anual de homenaxe ao alcalde socialista Manuel Ferreiro, asasinado en 1936, e de recoñecemento a persoas que contribuíron, desde diferentes ámbitos, á vida social, política e cultural do municipio.

A xuntanza foi aberta polo secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE de Pontevedra, David Regades, quen destacou a relevancia de que Alba tomase as rendas do socialismo lalinense, “máis tendo referentes como os que hoxe se reivindican aquí”. Ademais, manifestou a urxencia de que haxa unha alcaldesa socialista en Lalín, para “deixar atrás a crispación”. Regades foi o encargado do recoñecemento a Gerardo Otero, sobriño de Laxeiro, quen estivo nesta xuntanza cada edición.
Posteriormente, a concelleira María Luz Iglesias foi a encargada de entregar o galardón a Jesús Odilo Trabazo, nunha intervención na que combinou o vínculo persoal coa reivindicación da súa traxectoria socialista. Iglesias lembrou a figura de Odilo como unha persoa cunha enorme curiosidade e capacidade para aprender, reflexionar e formar o seu propio criterio, pero tamén como alguén que sempre entendeu que todas as persoas deben ter as mesmas oportunidades, independentemente da súa orixe, do seu sexo ou das súas circunstancias.
A súa intervención puxo especialmente en valor o compromiso de Odilo co socialismo desde os primeiros anos da democracia en Lalín, cando se implicou na defensa duns ideais e na construción dun proxecto colectivo no concello. Iglesias lembrou tamén a súa vinculación cos primeiros pasos da Feira do Cocido, unha das iniciativas que quedaron ligadas á súa traxectoria e á historia recente de Lalín.
Nesta edición fíxose un recoñecemento ao legado de Manuel María González Aller pola súa traxectoria profesional, socialista e persoal. “Manolito é unha persoa que, dende a medicina, dende a política, dende o deporte e dende tantos outros ámbitos, sempre tivo esa vontade de axudar e de facer comunidad”, reivindicou a voceira socialista Alba Forno, e engadiu que “iso, ao final, é tamén unha forma de facer política”.
Así, a voceira socialista de Lalín, Alba Forno, pechou o acto reivindicando o valor dos referentes e do legado recibido de xeracións anteriores do socialismo lalinense. Forno situou a Manuel Ferreiro e Manuel González Aller como dúas figuras de referencia para o PSdeG-PSOE de Lalín, unidas por unha mesma maneira de entender a política como compromiso coas persoas e coa sociedade.
No caso de Ferreiro, Forno reivindicou a súa memoria como exemplo de defensa da democracia, a liberdade e a igualdade nun momento no que defender eses valores podía custar a propia vida. No caso de González Aller, destacou unha traxectoria de compromiso coa medicina, coa política, co socialismo e co deporte, así como a súa capacidade para contribuír á creación de comunidade en Lalín.
A voceira socialista asegurou que estes referentes supoñen tamén unha responsabilidade para quen hoxe continúa o proxecto socialista no municipio. “A miña intención é seguir co traballo que comezaron. Foron dous referentes para nós, os socialistas de Lalín, e eu durante os últimos anos pretendín seguir adiante co seu legado, e seguirei facéndoo”, afirmou.

