Alba Forno urxe unha solución ante o abandono da Praza Europa e alerta do perigo nas zonas de skate

Alba Forno urxe unha solución ante o abandono da Praza Europa e alerta do perigo nas zonas de skate

A voceira socialista advirte de que pedras, lousas rotas e táboas con cravos oxidados están a converter zonas destinadas ao deporte e ao lecer en espazos perigosos.

Reclama ao Goberno municipal que deixe de mirar para outro lado ante o deterioro dos espazos públicos e que acometa de inmediato as reparacións necesarias.

Lalín, a 18 de agosto de 2026. O PSdeG-PSOE de Lalín reclama ao Goberno municipal unha actuación urxente para poñer fin ao estado de deterioro que presentan varios espazos públicos do municipio, entre eles a Praza Europa e a zona de petanca situada no ámbito do Paseo Pontiñas.

Na Praza Europa, sobre o Parking Europa, a zona destinada á práctica do skate atópase actualmente nun estado que impide o seu uso con normalidade. As instalacións presentan importantes desperfectos e acumulación de pedras e outros materiais sobre a superficie, unha situación que, ademais de inutilizar este espazo deportivo, supón un risco evidente para as persoas que intenten empregalo.

O problema, segundo denuncian os socialistas, non se limita á zona de skate. A propia Praza Europa presenta numerosas lousas do pavimento rotas e diferentes elementos deteriorados, ofrecendo unha imaxe de abandono nun espazo céntrico e de uso habitual por parte da veciñanza. A voceira socialista, Alba Forno, considera que “non é razoable que un espazo público destinado ao deporte e ao lecer se atope nestas condicións e que o Goberno municipal permita que se vaia deteriorando sen poñerlle solución”.

“Estamos falando, ademais, dunha cuestión de seguridade. As pedras sobre a zona de skate e as lousas rotas da praza poden provocar caídas e accidentes. O Concello ten a responsabilidade de manter os espazos públicos en condicións adecuadas e debe actuar antes de que teñamos que lamentar algún dano”, sinala Forno.

Desde o PSOE lembran tamén que o propio alcalde anunciou en 2020 a intención de mellorar a zona de skate da Praza Europa. “Pasaron os anos e o que atopamos é unha instalación deteriorada e unha praza que precisa dunha actuación de mantemento. Se o Goberno municipal anunciou melloras, o que debe facer agora é executalas”, apunta a voceira socialista.